
Nun camiño atopáronse a ilusión e as gañas e comezaron xuntas a camiñar por el. Era un camiño raro, estreito e non sabían onde as levaría.
Pouco a pouco abríuse cada vez máis….
É pouco probable que o ALT seguise vivo se non fose por esas dúas señoritas: ilusión e gañas.
Sería imposible manterse aquí despois de dez anos se non creramos na arte contemporánea e na cidade de Vigo.
Visto agora todo parece máis sinxelo pero hai dez anos non había nada que ver se non ías á capital. Non había nin escolas para a creación de novos artistas. Nós organizabamos cursos dende o principio do ALT. porque a formación pareceunos sempre necesaria tanto para subirse a un escenario coma para estar sentado nunha butaca.
A aposta por un auditorio renovado no Concello, de pequeno formato, onde a ficción do teatro fose máis palpable é xa realidade xusto no noso décimo aniversario grazas ao noso empeño e ao doutra xente que creu nesta reivindicación a modo de espazo para unha programación estable e un lugar de encontro das artes escénicas.
Comezamos a saír dos espazos convencionais xa dende os nosos inicios para amosar que o teatro e a danza poden acontecer en calquera momento e lugar:
As nosas apostas pasaron por :
A lonxa do Concello que “tomamos” dous anos consecutivos.
O MARCO que comezamos a ocupar dende os seus inicios e que seguimos ocupando.
A rúa, os escaparates e os autobuses urbanos foron parte da nosa aposta por chegar a todos os públicos sempre coa filosofía de “se Mahoma non vai á montaña será a montaña a que se achegue”.
Este é un ano moi especial para o ALT. porque cumplir dez anos de supervivencia non é doado e menos aínda coa “crise” que sempre toca ás persoas máis desfavorecidas, ás irmás máis pobres que no caso da cultura podemos considerar que o é.
Apostamos para esta décima edición por un ALT austero e digno, non podemos ser incoherentes cos nosos principios e se non hai máis…pois non hai máis.
Os prezos das entradas non subiron un céntimo dende os inicios, xustamente porque somos un festival alternativo e non comercial, artístico e non empresarial.
Benvidos un ano máis ao ALT.
(Somos o que facemos, non o que dicimos)
Lola Correa (directora artística e supervivente)